Tuesday 14 de May de 2024

Aprobado o plan de redución das emisións de CO2 da Pobra


Na sesión do Pleno da corporación que tivo lugar no luns 28, un dos puntos que figuraba na orde do día era o da aprobación do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). O dito documento saíu adiante, polo que se procederá á súa execución, realizando as actividades e adoptando as accións e comportamentos recollidos nel. En consecuencia, o PACES pobrense subirase á Oficina do Pacto das Alcaldías da Unión Europea e entrará en vigor unha vez que este organismo lle dea luz verde.
Trátase, polo tanto, dun compromiso derivado da incorporación do Concello da Pobra do Caramiñal ao Pacto das Alcaldías, tratado que recolle por primeira vez compromisos concretos para as administracións locais. A adhesión aprobouse na sesión plenaria do día 28 de febreiro de 2019, así como cumprir cos obxectivos marcados.
Máis polo miúdo, o citado Plan consiste nun documento clave dentro do Pacto das Alcaldías a través do cal o Concello expón como acadará o compromiso asumido de lograr en 2030 unha redución do 40% das emisións do CO2 -e, posiblemente, outros gases de efecto invernadoiro- no prazo de 10 anos. Para
conseguir esta dedución das emisións, expóñense 24 medidas de mitigación, centradas en actuacións que afectan principalmente os edificios e instalacións municipais e o alumamento público, así como os edificios residenciais e o transporte; ademais doutras medidas transversais enfocadas na organización
municipal, compra verde e concienciación e sensibilización. Búscase así a implicación da cidadanía e das administracións públicas para loitar contra o cambio climático con disposicións pensadas, cuantificadas e reais.
As mencionadas pautas proxectáronse co horizonte do exercicio de 2030, aínda que é un documento vivo e aberto á contribución de novas ideas e iniciativas.
Razón pola cal se presentará un informe cada dous anos no cal se recolla un seguimento das medidas propostas e os cambios con respecto ao presentado inicialmente.
Neste senso, cóntase coa asistencia técnica de Sicasoft Solutions, unha empresa especializada na materia, e, para sufraga-los custos derivados do desenvolvemento das súas tarefas, a Administración local resultou beneficiaria dunha axuda de 6000 euros (cantidade máxima á cal podía optar) por parte da Consellaría do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta.

Cómpre lembrar que, entre os parámetros por ter en conta para a elaboración do citado documento, figuran os riscos climáticos con probabilidade de que se produzan e o impacto que terían, os sectores máis vulnerables, a capacidade de adaptación e os grupos máis débiles de poboación. Os datos reflectíronse tendo en conta diversos informes técnicos.
A principios deste mes de setembro ultimouse o referido Plan, con tódalas accións de mitigación e adaptación xa definidas, ademais de se presentar uns orzamentos moi estimativos -baseados no custo de mercado e en accións semellantes desenvolvidas- cos cales financia-las intervencións que se pretenden.
Por outra banda, dende o Concello tampouco se descarta presentarse a outra convocatoria, a nivel europea, sobre materia medioambiental, onde un dos requisitos é te-lo PACES elaborado.